Blog

28 FEB

Lemos +6, a imprescindible colección de literatura infantil accesible que conta xa con oito títulos

Todos os libros están editados en galego, en catalán e en castelán
Lemos +6, a imprescindible colección de literatura infantil accesible que conta xa con oito títulos

O día 9 de marzo chegarán ás librarías dous novos títulos para facer as delicias das primeiras lectoras e facilitar la lectura ás persoas con dificultades visuais. A pluma da responsable da colección, a bibliotecaria e escritora, Susana Peix, estará acompañada esta vez polas marabillosas ilustracións de Brenda Figueroa ('O mellor gato da vila') e de Héctor Borlasca ('O rei medorento').

O MELLOR GATO DA VILA

A Calcetíns encántanlle os ratos, pero non para comelos. Gústalle brincar con eles. Agarda a que saian do seu agocho e perségueos pola casa. Mais iso non é o que espera a súa dona del. Calcetíns terá que demostrar que é o mellor gato da vila para seguir vivindo na casa. Será quen de conseguilo?

O REI MEDORENTO

Ao rei Fear dáballe medo a escuridade. Tiña tanto medo que se encerraba na súa alcoba cada noite para non ver como o sol desaparecía no horizonte. Necesitaba atopar unha solución ao seu problema. No palacio ninguén durmía pola noite, así que decidiu buscar o sabio máis sabio do reino...


UNHA COLECCIÓN IMPRESCINDIBLE

Que non haxa ningún neno nin ningunha nena que non poida gozar do pracer dunha boa lectura. A fórmula semella simple, porén inda é unha realidade por explorar no panorama literario que, da man de Susana Peix, estase a converter nunha ‘revolución’ imprescindible para as letras.

A accesibilidade é, sen dúbida, un dos puntos centrais das axendas deste século e a lectura é unha pata máis dunha aposta necesaria que debe camiñar acorde aos tempos. Así o entenden na editora galega Cumio Editora. Como mostra, a decidida aposta pola obra accesible da autora catalá na colección Lemos +6 que comeza a obter os seus froitos.

A colección conta xa con oito títulos ('Milko: un heroe con moita fame', 'Un lobo de conto', 'Planeta Q: un lugar onde vivir', 'Un elefante no deserto africano', 'De quen é este ovo?' , 'Un carnaval moi animal' e os recentemente engadidos 'O mellor gato da vila' e 'O rei medorento'), todos publicados en galego, en catalán e en castelán, pois a diversidade lingüística é algo máis que unha aposta, é parte do ADN dos 35 anos de historia de Cumio.

Son os detalles pequenos os que rompen con barreiras que moitas veces parecen insuperables. Así, as historias da colección non poden definirse como adaptación, pois son contos pensados para todos os públicos e escritos cunha serie de características que facilitan a lectura, por exemplo unha tipografía de 20 puntos (as recomendacións da ONCE falan de máis de 12 puntos), interlineal e interletrado xenerosos e unha xustificación en bandeira a esquerda que facilite o paso dunha liña a outra.

Ademais, segundo as declaracións da escritora ‘a tipografía escollida parte dun estudo que tivo lugar en Inglaterra con nenos e nenas con dislexia e outros trastornos da lectura e os fondos son claros e lisos para que exista un contraste de cor que facilite a lectura aos nenos e nenas con baixa visión’. Tamén as ilustracións xogan un papel clave, pois están pensadas para reforzar o texto. Así, todos os ilustradores e todas as ilustradoras da colección buscan que o seu traballo axude a comprensión lectora describindo en imaxes o que sucede no texto.

Pero non só o continente é accesible, o contido é unha defensa activa da diversidade. Todas as aventuras que forman parte de Lemos +6 están cheas de valores, como a amizade, o altruísmo, a perseveranza ou a solidariedade, presentes de xeito natural, transversal e normalizador.

A acollida desta colección está sendo moi positiva, tanto polo público xeral como polo público máis especializado (bibliotecas e colexios), que contan agora con aliados excepcionais para ensinar a ler e, moito máis importante, a gozar da lectura. Quen sabe se a bolboreta acaba de comezar a mover o aire que provocará un cambio irreversible nas nosas letras, polo momento toca festexar que cada vez hai máis nenos e nenas que poden ler de xeito autónomo.

 

Voltar