O verán vai chegando a súa fin e xa podemos confirmar que non hai vaga de calor que poida coas nosas ganas de contarvos novas historias. Estamos a descontar os días para que dous das nosas novidades de setembro cheguen ás vosas librerías preferidas para que poidades gozalas.
Ademais, son dunha de nosas colecciones insignia, a colección de literatura infantil accesible 'Lemos', capitaneada de forma inmellorable pola bibliotecaria e escritora catalá Susana Peix, que nestas novas aventuras está acompañada por Jordi Fenosa ('Tras a pegada dos dinosauros') e Pilar Serrano ('O misterio da choiva'). As ilustracións, como sempre adaptadas á trama para favorecer a accesibilidade, corren a cargo de Silvia Álvarez e de César Barceló.
Na cidade de Comodora deixou de chover de repente. A auga durou ata que secou o pantano, entón empezaron as restricións. —Eu teño a solución á seca! —exclamou o señor Gostri, o home máis rico da cidade—. Acabamos de construír unhas máquinas para facer nubes artificiais. Pero detrás daquel ofrecemento había un grande engano.
Martina e a súa cuadrilla “Metais” saben que pasa algo estraño, así que investigarán para descubrir o misterio da chuvia.
A manda de braquiosauros marchara cara ao sur e deixaran abandonado, sen querer, un dos seus ovos. Cando este escachou, Pat, a pequena braquiosauro, topouse con Oti, que buscaba un ovo para larpar. Ao decatarse de que a manda a abandonara, Pat empezou a chorar desconsolada. Choraba tanto que a casca do ovo se encheu de bágoas e, entón, Oti ofreceuse a axudala...
Solo terían que seguir as pisadas dos dinosauros!
UNHA COLECCIÓN IMPRESCINDIBLE
Que non haxa ningún neno nin ningunha nena que non poida gozar do pracer dunha boa lectura. A fórmula semella simple, porén inda é unha realidade por explorar no panorama literario que, da man de Susana Peix, estase a converter nunha ‘revolución’ imprescindible para as letras.
A accesibilidade é, sen dúbida, un dos puntos centrais das axendas deste século e a lectura é unha pata máis dunha aposta necesaria que debe camiñar acorde aos tempos. Así o entenden na editora galega Cumio Editora. Como mostra, a decidida aposta pola obra accesible da autora catalá na colección Lemos +6 que comeza a obter os seus froitos.
A colección conta xa con oito títulos ('Milko: un heroe con moita fame', 'Un lobo de conto', 'Planeta Q: un lugar onde vivir', 'Un elefante no deserto africano', 'De quen é este ovo?' , 'Un carnaval moi animal' e os recentemente engadidos 'O mellor gato da vila' e 'O rei medorento'), todos publicados en galego, en catalán e en castelán, pois a diversidade lingüística é algo máis que unha aposta, é parte do ADN dos 35 anos de historia de Cumio.
Son os detalles pequenos os que rompen con barreiras que moitas veces parecen insuperables. Así, as historias da colección non poden definirse como adaptación, pois son contos pensados para todos os públicos e escritos cunha serie de características que facilitan a lectura, por exemplo unha tipografía de 20 puntos (as recomendacións da ONCE falan de máis de 12 puntos), interlineal e interletrado xenerosos e unha xustificación en bandeira a esquerda que facilite o paso dunha liña a outra.
Ademais, segundo as declaracións da escritora ‘a tipografía escollida parte dun estudo que tivo lugar en Inglaterra con nenos e nenas con dislexia e outros trastornos da lectura e os fondos son claros e lisos para que exista un contraste de cor que facilite a lectura aos nenos e nenas con baixa visión’. Tamén as ilustracións xogan un papel clave, pois están pensadas para reforzar o texto. Así, todos os ilustradores e todas as ilustradoras da colección buscan que o seu traballo axude a comprensión lectora describindo en imaxes o que sucede no texto.
Pero non só o continente é accesible, o contido é unha defensa activa da diversidade. Todas as aventuras que forman parte de Lemos +6 están cheas de valores, como a amizade, o altruísmo, a perseveranza ou a solidariedade, presentes de xeito natural, transversal e normalizador.
A acollida desta colección está sendo moi positiva, tanto polo público xeral como polo público máis especializado (bibliotecas e colexios), que contan agora con aliados excepcionais para ensinar a ler e, moito máis importante, a gozar da lectura. Quen sabe se a bolboreta acaba de comezar a mover o aire que provocará un cambio irreversible nas nosas letras, polo momento toca festexar que cada vez hai máis nenos e nenas que poden ler de xeito autónomo.