Blog

05 MAY

O Club Feminista de Lectura de Vilalba recomenda 'A vida incerta' para o mes de maio

O libro de Montse Fajardo rescata a memoria de Virxina Pereira Renda, activista galeguista e republicana.
O Club Feminista de Lectura de Vilalba recomenda 'A vida incerta' para o mes de maio

Nun comunicado nas súas redes sociais, o Clube de Lectura Feminista de Vilalba informa de que o libro escollido para este mes de maio é 'A vida incerta' de Montse Fajardo, de Cumio Editora:

Para este mes, a lectura que vos propoñemos é “A vida incerta: biografía de Virxinia Pereira” a última obra publicada de Montse Fajardo. Este libro, editado por @cumioeditora, narra a vida de Virxinia Pereira Renda. É posible que este nome non nos sexa coñecido á maioría, pero Virxinia foi a muller de Castelao, e, apunta a autora, entre a xente que si o sabe, prevalece a idea errónea de que non era mais ca unha señorita conservadora, relixiosa e algo superficial da Estrada. Esa imaxe deixaba atrás outras facetas dunha muller que permaneceu rexa durante o tempo en que padeceu os rigores do exilio coa mesma intensidade que Castelao, e aínda así puxo por riba de todo a defensa dos valores galeguistas, republicanos e antifascistas que pode que lle trasmitise el, pero que ela asumiu coma propios e defendeu ata o final da súa vida.

Montse Fajardo Renda é xornalista e escritora. Forma parte do equipo do programa "A memoria das mulleres", promovido pola Concellería de Patrimonio Histórico do Concello de Pontevedra dando a coñecer en centros educativos as consecuencias do insurrección sublevada en Galicia coa charla "A represión sobre as mulleres tras o golpe de Estado do 36". En 2020 entrou na directiva da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Entre as súas obras destacan: "Matriarcas, mulleres en pé de vida" (2012), "Un cesto de mazás, memoria das vítimas do 36 e do tempo que veu" (2015) ou "Invisibles" (2017).


Formulario de inscripciónhttps://forms.gle/9CQtguUsZtpbvbR6A

 

 

Voltar