fotografía - © Mónica Patxot. Por Natalia Puga - pontevedraviva.com
Tras preto de tres décadas como referente da edición en galego, Edicións do Cumio botaba o peche en 2017, deixando un oco especialmente notable na produción de material divulgativo e literatura infantil e xuvenil. Catro anos despois, renaceu e, neste regreso á actividade en plena pandemia da covid-19, fixo unha aposta pola produción local que lle permite sortear os riscos de desabastecemento dos que xa empezan a alertar outras editoriais debido á crise do transporte marítimo.
"Nós, de momento, puidemos manter e cumprir co programa que tiñamos establecido debido a que decidimos centralizar a nosa produción a nivel local", conta Víctor Mascato, un dos tres pés do equipo que saca adiante a editorial nesta nova etapa. Ao seu lado, Marisol Mascato e Carlos Blanco, que, como el, veñen do mundo da edición e mostran o seu orgullo por esta aposta polo local que lles permitiu librarse dunha falta de stock que xa se nota noutras compañías.
De forma puntual, realizaron algún pedido fóra de Galicia, en Asia en concreto, pero o groso da súa produción é pontevedresa, na imprenta Gráficas Anduriña, de Poio. Este carácter local, que no seu caso se debe fundamentalmente a unha cuestión de principios dunha empresa que busca "facer país", sitúaos nestes momentos de crise global, nunha posición máis beneficiosa. "A nosa visión é autoproducir todo, facelo local", profunda Carlos Blanco.
En conversas con outros compañeiros do sector, trasladáronlles que "as producións que tiñan para o Nadal, tíñanas a nivel europeo ou chinos e algunhas non chegaron ou chegan con moito atraso". Para eles, foi moito máis sinxelo, aínda que non logran afastar o temor a que esa crise do transporte marítimo tamén chegue a repercutir na subministración de papel e cartón que impida traballar con normalidade á súa imprenta.
Estes momentos iniciais de Edicións do Cumio están a ser máis sinxelos grazas a evitar o desabastecemento e, ademais, repórtanlles grandes satisfaccións, pois no seu primeiro ano de vida aseguran que os títulos editados -ao redor de 16- están a ter gran aceptación e permitíronlles levar ao mercado obras das que senten especialmente orgullosos como a colección ‘Lemos’ de lectura inclusiva de Susana Peix.
PRIMEIRA COLECCIÓN INCLUSIVA EN GALICIA
Un lobo de conto e Milko son as dúas primeiras obras editadas desta colección, en febreiro xa contan con dúas máis e teñen unha previsión de sacar adiante catro títulos por ano, todos eles en galego, castelán e catalán, para crear a primeira colección inclusiva que se realiza en Galicia, pensada para nenos e nenas que empezan a ler, pero tamén para aqueles con deficiencia visual, dificultades de falta de atención ou comprensión ou dislexia.
Toda a colección leva un "filtro de lectura fácil" e seguen estándares xa preestablecidos de contraste, tipografía, interlineado… que fan que "sexa totalmente accesible". Hanos testado con lectores cun 80% menos de visión e con características singulares.
Ademais de responder a unha demanda crecente a nivel institucional e educativo e unha oferta " practicamente nula non mercado en galego", é o seu propio compromiso o que os levou a embarcarse nesta colección. E é que responde a un dos principios reitores desta nova etapa de Cumio.
"Estamos producindo unha serie de libros que, ao noso parecer, cremos que hai falla non mercado galego", resumen os tres integrantes do equipo actual da editorial. "Nós facemos libros bonitos para xente bonita", sinalan con orgullo, pero pensando en global, en que os seus títulos "non só sexan atractivos para un galego, tamén para un de Murcia e un italiano". Aspiran a que "a produción sexa vendible a nivel internacional".
E é que outro dos seus compromisos é "tentar ser competitivos no mercado internacional, con propostas novas, innovadoras e, sobre todo, orixinais. E tamén actuais, do mundo no que vivimos", explica Marisol Mascato. Pois lembran que son unha empresa e para lograr rendibilizar algunhas das súas producións necesitan facelas "o máis amplas posibles". De aí a súa aposta por edicións simultáneas en galego, catalán, español e eúscaro e que xa empecen a pensar en entrar no portugués.
As súas novas coleccións céntranse na literatura infantil e xuvenil, pero tamén se abren ao cómic, a narrativa ou o álbum ilustrado, o 90% pensado nos máis novos. De feito, os dous libros que maior aceptación tiveron dos publicados no seu primeiro ano de vida son para primeiros lectores, Bo camiño, peregrino! e O Gran libro das nosas cousas. Este último, con tradución ao inglés incluída.
O eixo común é que o produto lles guste e responda os seus principios, por iso é polo que en narrativa están a apostar pola memoria histórica e que un dos seus últimos proxectos fose traducir ao español Invisibles, da escritora e xornalista Montse Fajardo, que relata sete historias de malos tratos. Desde Cumio "apoiamos o contido do libro e queremos trasladado fóra das nosas fronteiras", insisten.
Así, conxugan esa procura de encher un oco de produtos que faltan en Galicia coa vocación de ser competitivos e vender no mercado galego, pero tamén no exterior. E fano, ademais, presumindo de "facer produto galego e xerar economía no territorio, imprimindo local, e todo local".
Todo ten selo e ADN pontevedrés, desde a imprenta ao seu lugar de traballo, coa súa sede actual en Ponte Caldelas e a piques de trasladarse a Vigo. Para a distribución confían noutro referente galego, Arnoia.