Con ganas infinitas de pasalo en grande. Un samaín normal, se é que iso pode ser posible, é a nova aventura que afrontarán os cativos que por primeira vez poderán gozar dunha festa pensada para eles sen restricións. O día sinalado as bruxas e os espíritos tomarán as rúas, mais hai un sitio onde estarán agochados ata que chegue a súa hora e ese sitio non é outro que as librarías e o maxín dos primeiros lectores. Unha combinación que non coñece ningún tipo de límites e que é capaz de contaxiar a todas as persoas que se acheguen máis da conta.
E como a cousa vai de rachar cos límites, decidimos que tiñamos que usar a nosa fórmula máxica. Se o ano pasado ‘A bruxa Selana’ e ‘Non sempre fun unha bruxa’ fixeron as delicias dos críticos máis sinceiros, este ano esa labor será cousa de ‘Enga, unha bruxa prehistórica’ e de ‘Cleo e Duflós’, que xa teñen o día 20 de outubro marcado nas axendas para entrar en todas as librarías que non teñan medo de acollelas.
O público infantil atopará nestas obras dúas historias de meigas cheas de valores e de situacións do máis inverosímil, comezando por unha bruxa que vén directamente da prehistoria e terminando pola aloucada escola de maxia na que estuda Cleo para aprender a usar os seus poderes.