Blog

19 ENE

Cumio inaugura 2022 coa publicación de 'Chegaches!', un libro para festexar a maternidade

Escrito por R. J. Peralta e ilustrado por Blanca Millán, o álbum chega mañá xoves, 20 de xaneiro, ás librarías
Cumio inaugura 2022 coa publicación de 'Chegaches!', un libro para festexar a maternidade

A vida sempre hai que festexala e a editora pontevedresa teno máis claro ca nunca. Cumio arrinca 2022 coa ledicia por bandeira, cunha orixinal proposta para acompañar as persoas que van vivir un dos momentos máis importantes das súas vidas, a maternidade.

Chegaches! é un álbum no que gardar todos os recordos e fotografías do bebé, dende o embarazo até que cumpre un ano de idade. Escrito por R. J. Peralta ('Manuela') e ilustrado por Blanca Millán ('O gran libro das nosas cousas') é unha obra pensada para todos os tipos de familia, unha aposta natural por recoñecer e gozar da diversidade.
 
Serán as nais e os pais quen se encarguen de contar unha historia única. Encherán de contido os espazos reservados para a espera e o nacemento, a elección do nome, os parecidos cos seus familiares, a árbore xenealóxica, a chegada a casa, a súa alimentación, a súa primeira noite, as visitas, as súas primeiras palabras e conquistas, as súas reaccións ao probar os alimentos, os seus aspectos en diferentes momentos en foto…

Cada páxina inclúe unhas pequenas narracións e poemas para completar un recordo precioso dunha etapa tan especial.


 
Autores:

 

R. J. PERALTA

Nado en Buenos Aires, A Arxentina. Comezou a escribir sendo meniño, acadando recoñecemento no seu colexio de primaria. Gañador do concurso de relato do IES Rosalía de Castro e no curso 2004/2005 e, no mesmo ano, cuarto lugar no concurso ‘Entre nós, en Galego’.
De formación psicólogo, pola Universidade de Santiago de Compostela, combina a súa profesión coa escritura. A finais de 2017 publicou 'Manuela' coa editora Boland.

 

BLANCA MILLÁN

Blanca Millán naceu en Touro (A Coruña) no ano 1991. Graduada en Belas Artes e cun Máster en Libro Ilustrado pola Universidade de Vigo, pinta dende que ten memoria e ilustra libros sobre todo dende que é mamá.
Ten publicado máis de 30 libros en diferentes editoras (Cumio, Triqueta, Galaxia ou Beascoa, entre outras), destacando libros como 'Benxamín', 'Lola e as 21 vacas', 'O gran libro das nosas cousas', 'Non sempre fun una bruxa' ou 'As disparatadas historias dos Monki'.

Comprar

Voltar