Vimos de coñecer que o libro 'A pulga espacial', escrito por Alba de Evan e Xabier Domínguez e ilustrado por Davide Ortu, está nominado na segunda categoría (3º e 4º de primaria) da XX Edición do Premio Frei Martín Sarmiento. Hai días nos que ata unha editora pode chegar a quedar sen palabras. Certamente, non atopamos as ideais para transmitir a mestura de ledicia, orgullo e agradecemento que hoxe sentimos.
Detrás de cada historia que publicamos hai toneladas de cariño e centos de horas de traballo de autores, editores, ilustradores e imprentas. Despois, esa obra ten que chegar á persoa que quere ler unha nova aventura, un traballo que fan as mil marabillas nas librarías e nas bibliotecas. Este recoñecemento é para todas as persoas que no voso día a día facedes posible que poidamos seguir contando historias. Infinitas grazas!
UN PREMIO CON DOUS DÉCADAS DE HISTORIA
O premio Frei Martín Sarmiento naceu no ano 2003 co obxectivo fundamental de fomentar a lectura do libro en galego entre o alumnado pertencente á rede de Escolas Católicas.
Este galardón, que leva o nome dun grande ilustrado do século XVIII amante da lingua, da cultura e do noso país, é un dos máis queridos para a nosa federación. Cada ano, un grupo de profesores le as novidades publicadas polas distintas editoriais ao longo do curso. Deste proceso saen os finalistas nas seis categorías: Infantil; 1ª categoría: 1º e 2º de Primaria; 2ª categoría: 3º e 4º de Primaria; 3ª categoría: 5º e 6º de Primaria; 4ª categoría: 1º e 2º ESO; 5ª categoría: 3º e 4º ESO; 6ª categoría: Bach e adultos.
Posteriormente, ao redor de 3.000 alumnos/as participan nas lecturas dos libros finalistas e, tras as súas valoracións, coñecemos quen é o autor/a gañador de cada ano. Para valorar as obras, remitimos aos colexios unha ficha coas categorías e o alumnado só ten que que ter en conta un criterio: “Que libro che gusta máis?”. Deben puntualo de 1 a 5.
A obra que obteña máis puntuación, será a gañadora. Os galardóns entréganse nunha cerimonia a finais de maio, xunto cos galardoados no certame de curtametraxes REC.curta, á que asisten os autores/as gañadores, representantes das editoriais, o secretario xeral de Política Lingüística e as coordinadoras territoriais dos EDLG, representantes do Festival de Cans, ademais de profesorado, alumnado e pais dos nosos colexios.
FINALISTAS DA XX EDICIÓN DO PREMIO FREI MARTÍN SARMIENTO
Infantil
Caderno de cores e cancións. Magín Blanco e Sonia García (ilustr.). Galaxia
A pantasma colorida. Gema García e Rocío Pedreira (ilustr.). Hércules de Ediciones
1ª categoría
Contos que caben nunha man. Carlos López e Uxía Pin (ilustr.) Oqueleo
Violeta Parapluie e outras historias de xente pouco corrente. Ramón D. Veiga e Iván R. (ilu) Edicións Embora
2ª categoría
A pulga espacial. Xabier Domínguez e Alba de Evan. Cumio
Malvarina. Quero ser bruxa. Susanna Isern-Laura Proietti. Triqueta editora
3ª categoría
Ronia. A filla do bandoleiro. Astrid Lingrend. Sushi Books
Sálice e Sándala. Xoán Babarro. Antela Editorial
4ª categoría
Cicuta para dous. Rocío Leira. Xerais
Historias fascinantes da ciencia en Galicia. Edurardo Rolland e Manuel Rey. Edicións Embora
5ª categoría (tradución)
O misterio do cuarto amarelo. Gaston Leroux. Tradución: Laura Corral. Aira editorial.
Un feiticeiro de Terramar. Historias de Terramar I. Úrsula K. Le Guin. Tradución Tomás G. Ahola. Boadicea editora.
6ª categoría
Territorio descoñecido. Luis Leante. Rodeira-Edebé
A saga das curandeiras. Marisa Castro. Hércules de Ediciones