Blog

04 OCT

Kaspar, Milko, Selana e compañía xa andan facendo das súas na Feira Internacional do Libro de Barcelona

Trece selos editoriais comparten o stand da Asociación Galega de Editoras en Liber
Kaspar, Milko, Selana e compañía xa andan facendo das súas na Feira Internacional do Libro de Barcelona

Fonte: Asociación Galega de Editoras. 


A Asociación Galega de Editoras participa un ano máis na Feira Internacional do Libro LIBER, que se vai celebrar do 5 ao 7 de outubro, en Barcelona. A AGE contará con stand propio, posto a disposición das editoriais asociadas desprazadas á feira para desenvolver a súa axenda de traballo e presentar unha selección de novidades e do seu fondo bibliográfico: Hércules de Ediciones, Edicións Positivas, Alvarellos Editora, Kalandraka, Baía Edicións, Editorial Galaxia, Xerais, Ediciones del Viento, Triqueta Verde, Edicións do Cumio, Edicións Embora, Editorial Bululú, Tulipa Editora.

 

AVANCE DO CATÁLOGO DE DEREITOS DA AGE PARA FRANKFURT

 

A Asociación Galega de Editoras distribuirá no seu espazo exemplares do catálogo para venda de dereitos que deseñou para levar á feira internacional do libro de Frankfurt, e xa está dispoñible para a súa consulta no perfil de expositor da AGE na LIBER. Conta cunha selección de títulos de libro ilustrado, literatura para adultos, cómic, LIX, ensaio, teatro e poesía das editoriais: Hércules de Ediciones, Edicións Positivas, Alvarellos Editora, Kalandraka, Baía Edicións, Editorial Galaxia, Xerais, Ediciones del Viento, Triqueta Verde, Edicións do Cumio, Edicións Embora e Editorial Bululú.

 

PRESENZA GALEGA NO PROGRAMA DE ACTIVIDADES DA FEIRA LIBER

 

A tradutora María Alonso Seisdedos e Xosé Ballesteros, director de Kalandraka, participan no programa de actividades da LIBER. Na xornada do venres, 7 de outubro, María Alonso Seisdedos compartirá a mesa redonda “1922, el año mágico: Joyce, Woolf, Proust” con Valèria Gaillard, tradutora ao catalán; Itziar Hernández Rodilla, tradutora ao castelán. Organizada por ACE Traductores e moderada pola tradutora e profesora da UAB, Ana Alcaina, celebrarase o venres ás 12:30 na Sala 1.1. do recinto Gran Vía da Fira de Barcelona.

Cando se cumpren cen anos da publicación de varias obras que cambiaron o rumbo da literatura universal nun contexto político e económico convulso cuxos ecos resoan no presente, esta mesa ten a finalidade  de reflexionar sobre o que supón traducir hoxe en día a autoría como James Joyce, Virginia Woolf ou Marcel Proust.

Á mesma hora, na sala 1.3. terá lugar a mesa redonda “La librería sin librerías: sobrevivir al cambio digital”, na que participan Xosé Ballesteros, editor de Kalandraka; Enrique Pascual, director de Librerías Marcial Pons e presidente do Gremio de Librerías de Madrid; Mireia Valencia, libreira de Finestres. A mesa foi organizada por PublishNews. Antonio Martín, fundador da PublishNews, Cálamo&Cran e divulgador, encargarase de moderala.

Ante as boas cifras de vendas de libros nos últimos anos, abren novas librarías e mantéñense moitas en plena crise. A mesa redonda analizará como lle está a afectar o mercado dixital á libraría tradicional, que opcións adoptan as librarías, editoriais e lectoras/es; que solucións se poden atopar para manter as librarías, ou se os lectores compran en liña, se se debe actualizar o papel da libraría.

Tornar a les notícies