Blog

16 AGO

Carlos Babío e Manuel Pérez recibirán en Poio o premio Galiza Mártir

O galardón, que comezou a entregarse no ano 2006, será entregado este ano aos historiadores Carlos Babío e Manuel Pérez, autores dos libros ‘Meirás: un Pazo, un caudillo, un expolio’ e 'Meirás. Un pazo para el caudillo'.
Carlos Babío e Manuel Pérez recibirán en Poio o premio Galiza Mártir

Fonte: Concello de Poio

Concello de Poio volverá a acoller os actos de celebración do Día da Galiza Mártir nunha xornada que, ademais, este ano, coincide coa celebración de festivo local.

O alcalde de Poio, Luciano Sobral, a concelleira de Memoria Histórica, Marga Caldas e Raquel Rodríguez, responsable de Cultura, veñen de anunciar a programación da nova edición xunto co vicepresidente da Fundación Alexandre Bóveda, Valentín García. A cita principal terá lugar ás 13.00 horas no monumento que lembra a figura de Bóveda na Caeira, no mesmo lugar onde foi fusilado polo Réxime o 17 de agosto de 1936. Neste 2022 recupérase a entrega do Premio Galiza Mártir, outorgado anualmente pola findación Bóveda desde o 2006 aínda que fora suspendido en edicións previas por mor da pandemia.

Os historiadores de Sada Carlos Babío Manuel Pérez, autores do libro Meirás: un Pazo, un caudillo, un expolio serán os premiados nesta ocasión. O volume, editado no ano 2017 por Galiza Sempre fai un repaso á historia deste histórico inmoble e a maneira na que acabou pasando a mans da familia Franco. "É un traballo que explica o que foi o franquismo e tamén nos dá unha idea dos privilexios cos que contou o Réxime durante décadas", apuntou Marga Caldas.

O acto do mércores contará coa asistencia de representantes do Concello de Pontevedra e a Deputación. Intervirán representantes da Fundación Alexandre Bóveda e da Fundación Castelao, ademais de Amalia Bóveda, filla do histórico político galeguista. "Todos e todas elas desenvolver un traballo indispensable para que as novas xeracións poidan coñecer a importancia da figura de Bóveda", sinalou a titular de Memoria Histórica. O acto pecharase coa interpretación do Himno de Galicia, pola Escola de Música Tradicional de Poio. O alcalde Sobral rematou sinalando que "debemos un recoñecemento e agradecemento infinito ás mulleres e homes que loitaron e sacrificaron as súas vidas por un país mellor e libre".

 

Tornar a les notícies