Aínda temos o sorriso na cara ao lembrar esta pasada fin de semana na Festa dos Libros de Pontevedra. Estamos felices de ter compartido actividades e encontros coa nosa audiencia nesta edición tan participativa.
Despois de toda a planificación, de todo o traballo e esforzo para facer chegar ás librerías as historias de Cumio Editora, verse, por fin, cara a cara coa xente que ten os nosos libros nas súas casas non ten prezo. As nosas escritoras e escritores, ilustradoras e ilustradores non collen no corpo da alegría de mostrar o seus traballos e compartilos co mundo.
Iván R. amosounos o seu último traballo, no que amais de ilustrar tamén escribe, "Os Winkle. Máis finos ca un allo", a xenial historia dunha familia rural súper desenfadada que non deixa indiferente a ninguén polo seu xeito tan particular de vivir. Gozaredes cunhas ilustracións divertidas e unhas historias hilarantes.
Xunto a Rena Ortega viaxamos polo mundo en barco, en "Todo a babor!", e fixemos o Camiño, con "Bo Camiño, peregrino!". A súas ilustracións, tan alegres e coloridas, mergúllannos nun mundo de fantasía protagonizado polos animais máis familiares e máis exóticos que poidas imaxinar.
O momento máis sobrio das xornadas vivímolo da man de Carlos Babío Urkidi e Manuel Pérez Lorenzo presentándonos o seu novo libro "Meirás. Un pazo para el caudillo"; un libro cheo de historia de verdade sobre a que fora a residencia da grande Emilia Pardo Bazán. Un conxunto arquitectónico, de gran valor histórico e cultural, que foi un "obsequio" do pobo coruñés ao dictador Francisco Franco.
Grazas a todas as persoas que vos achegástedes a ver aos vosos autores de Cumio Editora en acción, na súa salsa. Grazas por compartir as vosas impresións, as vosas historias e anécdotas ao redor da literatura e historia galegas.
Xa nos tarda a próxima quedada.