'Que non encaixamos? Pois tampouco é para tanto se temos unha horta. Así pensa a divertidísima familia dos ‘Winkle’ que, cansos de probar unha e outra vez encaixar nunha sociedade moi aburrida, decidiron crear unha propia arredor da súa horta. E abofé que o conseguiron, a súa é indiscutiblemente moito máis divertida.
Das risas encárganse as ilustracións e os textos, perfectamente en sintonía, do autor vigués Iván R. que, despois de máis de quince anos acompañando coas súas ilustracións textos alleos, escolle Cumio Editora para debutar en ‘solitario’. A editora galega continúa firme na súa aposta por crear novas pezas literarias en galego e, os Winkle, a pesar do que poida parecer polo seu nome, son moi, pero que moi galegos.
Peter Winkle, o cativo da familia, é quen nos vai introducindo as personaxes e os seus xeitos particulares e desenfadados de entender a vida. Na súa ‘disparatada’ sociedade non existen conceptos como o estrés, basta con ver a unha avoa moi diferente á que podemos atopar noutros contos, nin tampouco a sobreconexión que caracteriza a cidade, á que acoden unicamente unha vez por semana.
As ilustracións, tan características de Iván R., son unha marabilla visual e amosan o bucólica que pode chegar a ser a vida no campo, ademais de ensinar os praceres dunha vida máis sostible e saudable, unha tarefa que completa no final do libro compartindo as receitas Winkle, ideais para cociñar en familia e perfectamente aplicables na nosa dieta.
Esta especie de ‘Familia Monster’ do mundo vexetal chegará o 19 de abril ás librarías, publicada en galego, castelán e portugués.
Sobre Iván R.
Logo de traballar como ilustrador para editoriais, cine, prensa, televisión e publicidade durante quince anos, descubriu no soporte téxtil unha nova linguaxe que o levou a dar clases de ilustración e deseño nunha escola de moda, tarefa que compaxina co traballo no seu estudio.
Entre os seus títulos publicados están ‘Etiqueta para todos’ (Xerais, 2009), ‘Estamos no verán’ (2014), ‘Teatro de guiñol’ (2016), ‘Cociñando con Bolboretas no bandullo’ (Xerais, 2018), ‘A araña que lles tiña medo ás arañas’ (Xerais, 2019), ‘Meigas fóra!’ (Xerais, 2020), ‘Soños de Cajamarca’ (2021), ‘Darío a diario’ (Xerais, 2021), ‘Miñoca e coello’ (Xerais, 2021), ‘Miñoca e Pega’ (Xerais, 2022), e o conto en liña ‘#EuQuedoNaCasa’, que resume a situación que se viviu nos fogares con peques durante os días de confinamento provocados pola COVID-19.