Blog

28 MAR

Montse Fajardo presenta 'A vida incerta' en Ponte Caldelas

O libro ten como protagonismo os acontecementos e a incertidume que rodearon a vida de Virxinia Pereira, unha muller que fixo moito pola cultura galega e as ideas republicanas, da que poucos coñecemos a súa importancia.
Montse Fajardo presenta 'A vida incerta' en Ponte Caldelas

fotografia (© Concello de Ponte Caldelas) - Por Redacción pontevedraviva.com.

A xornalista e escritora Montse Fajardo presentou na Casa da Cultura de Ponte Caldelas o seu último libro 'A vida incerta. Biografía de Virxinia Pereira'.

No acto, que estivo enmarcado dentro das actividades do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, Fajardo explicou que o libro ten como protagonismo os acontecementos e a incertidume que rodearon a vida de Virxinia Pereira, unha muller que fixo moito pola cultura galega e as ideas republicanas, da que poucos coñecemos a súa importancia.

"Coñecida sobre todo por ser a dona de Castelao, Virxinia Pereira era unha muller polifacética que loitou moito sobre todo cando o seu home comezou a andaina política, que os levaría ao exilio despois de que impactase o golpe de estado naquel verán fatídico de 1936", explicou a autora.

Montse Fajardo estivo acompañada durante a presentación polo alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz; a concelleira Leticia Rocha, que se encargou da presentación do acto; e Andrea García, do equipo de Cumio Editora.

Volver