A vindeira fin de semana é para Cumio Editora unha verdadeira xira de Rock and Roll. A música comezará a soar o venres ás 20:00 h na capela de San Roque de Sada con Carlos Babío Urkidi e Manuel Pérez Lorenzo, autores do recentemente publicado ‘Meirás. Un pazo para el caudillo’.
Os mesmos acordes reivindicativos que rebotarán na pedra das paredes da capela serán recollidos unha hora máis tarde pola pedra da pontevedresa Praza da Ferrería, durante a sinatura de exemplares de Montse Fajardo (‘A vida incerta’ e ‘Invisibles’) na caseta de Espazo Lector Nobel. A cousa vai de xustiza, de memoria democrática e de feminismo, para que os corazóns dos homes dos que falaba o poeta deixen de ser de pedra e para o que teito non poida ser nin de cristal.
O show continúa o sábado ás 13:00 h coas historietas de 'Milo e Loberto' de Gastón Caba e coa divertidísima familia dos ‘Winkle’ do vigués Iván R. Nunca tanto tomate naceu no centro de Pontevedra como dende que esta peculiar familia decidiu plantar alí a súa horta. Ás 20:00 h deixaranse ver para presumir de colleita e asinar uns cantos exemplares da súa mellor historia.
E, por se non fose suficiente, o domingo toca viaxar a pé e máis en barco con Rena Ortega. A autora de ‘Bo Camiño, peregrino!’ e ‘Todo a Babor!’ atenderá aos viaxeiros máis intrépidos ás 12:00 h para explicarlle como facer o Camiño de Santiago máis divertido e para dar unha volta ao mundo do máis especial.