Blog

20 ABR

‘A vida incerta’ de Montse Fajardo, protagonista da escolma literaria de Montse Dopico no Zigzag da TVG.

O libro reeditado por Cumio Editora é toda unha aposta por rematar cunha voz dobremente silenciada, polas súas ideas e polo feito de ser muller
‘A vida incerta’ de Montse Fajardo, protagonista da escolma literaria de Montse Dopico no Zigzag da TVG.

A biografía de Virxinia Pereira pechou onte o programa ZigZag da Televisión de Galicia, coa fermosa crítica da xornalista Montse Dopico. A actual Premio Follas Novas do Libro Galego de xornalismo cultural repasou a obra de Montse Fajardo para colaborar no rescate da memoria dunha muller fundamental na nosa historia.

Se algo ensina a biografía de Virxinia Pereira é que a vida é un camiño incerto. Coñecida sobre todo por ser a dona de Castelao, Virxinia Pereira foi unha muller polifacética que loitou moito soa sobre todo cando o seu home comezou a andaina política, que os levaría ao exilio despois de que impactase o golpe de estado naquel verán fatídico de 1936. A maioría da xente non sabe como se chamaba a muller de Castelao, e entre a xente que si o sabe, prevalece a idea errónea de que Virxinia Pereira Renda -que así se chamaba- non era mais ca unha señorita conservadora, relixiosa e algo superficial da Estrada. Como moito, xorde a abnegada enfermeira e compañeira do home no exilio que si era, pero hai máis.

Esa imaxe deixaba atrás outras facetas dunha muller que permaneceu rexa durante o tempo en que padeceu os rigores do exilio coa mesma intensidade que Castelao, e aínda así puxo por riba de todo a defensa dos valores galeguistas, republicanos e antifascistas que pode que lle trasmitise el, pero que ela asumiu coma propios e defendeu ata o final da súa vida.

 

 

Volver