Fotografía (© Alfredo López Penide) - Por 'Alfredo López Penide' La Voz de Galicia.
«Despois dun proceso de reflexión e de analizar o mercado, de ver como cambiou, concluímos que temos ideas que podemos levar a cabo» Tras preto de cinco anos parada, Cumio Editora rexurdiu neste 2021 con Víctor Mascato, Marisol Mascato, e Carlos Blanco ao fronte dun importante grupo de profesionais.
Neste punto, o propio Víctor Mascato alude a que «isto comezou a rodar alá polo mes de marzo. Foi unha cousa bastante dura, unha nova etapa con todo o que tiñamos atrás en metade dunha pandemia, cunha crise loxística e de aprovisionamento. Foi un reto moi grande».
En todo caso, Carlos Blanco deixa claro que dende que parou a maquinaria editorial «sempre tivemos na mente volver editar. Vendo a evolución do mercado e do mercado galego, en particular, é complicado, pero vimos certos ocos que se podían cubrir». A este respecto, Víctor incide en que a editorial pontevedresa leva traballando dende os anos oitenta, «non é unha cousa de ‘apetécemos editar agora e xa está’. Xa tiñan ánimo de volver. Había cousas que estaban feitas moi ben e outras quedaron obsoletas».
Tanto Carlos como Víctor recoñecen que a situación do mercado literario en galego «é complicada». «Somos un país pequeno e o tema do galego non está o ben que debería estar, pero hai oco. Si está mal, teremos que facer algo para remedialo, que é editar cousas de calidade, que se poidan exportar, non restrinxirnos ao ámbito galego, pero sen esquecer que somos unha editorial galega. Hai libros que hai que proxectar fóra», remarca Carlos Blanco aludindo a que hai obras que poderían ser exportables noutras linguas. Neste punto, poñen como exemplo as editoriais cataláns, que, segundo apunta Víctor Mascato, «teñen unha masa crítica de lectores máis grande que a nosa de lectores en galego, pero eles rentabilizan cada a mesma edición noutros idiomas».
Este último, que non estivo na etapa anterior de Cumio Editora, remarca que o seu obxectivo é aportar a súa visión, «máis xeneralista, de máis ámbito, de chegar a máis público, comezando polo infantil, onde teño unha pouca máis de experiencia. Trátase de saber como está funcionando o mercado editorial. Dende hai cinco anos isto cambiou moitísimo, as editoriais cada vez o fan mellor, cada vez quitan produtos de máis calidade e competir con elas é todo un reto».
Novela gráfica
Entre os ocos que percibiron dende Cumio Editora, e polo que apostan nesta nova andaina, atopase o das novelas gráficas en galego: «Hai algo testemuñal. É un nicho no que estamos vendo que podemos medrar, sobre todo cómic para unha determinada idade, de 10 anos para arriba», matiza Carlos. «Estamos cun proxecto para lectores dende 3 anos, de 3 a 6, 6 a 9, e apartir de 9. Hai cabida e é un produto que se está a demandar cada vez máis», remarca Víctor.
De cara aos vindeiros meses, ten claro que o principal reto «é facer que a xente que coñecía a anterior etapa de Cumio volva a redescubrila con outro enfoque, dar a coñecer a marca». De igual xeito, e con respecto a outras liñas, «o que teño enriba da mesa, a día de hoxe, son unha serie de traducións de obras que, ou ben están en inglés, ou ben xa están no mercado nacional e traelas para o galego», así como tamén se vai apostar decididamente pola memoria histórica, que «é algo que nos representa e define como editorial».
«Intentaremos facer tamén algo cos temas de actualidade —acota Carlos—. Estámoslle dando voltas porque creo que hai unha certa carencia».
Neste eido, teñen claro que os seus produtos teñen que diferenciarse e isto pasa por incluír en todos os seus produtos algunha referencia «que os vinculen coa nosa terra».