Semella que foi onte, pero xa pasou un ano desde que Cumio Editora volvese ao oficio de xuntar letras para un público ansioso de novas aventuras. A primavera será para sempre unha estación insignia na editora galega, pois a estación é o marco no que transcorre a primeira historia desta segunda etapa, ‘Antes de durmir’, e tamén, xunto co bosque, da súa segunda parte, ‘Agora somos tres’.
A tradución ao galego, e ao castelán, destas pezas de prestixio internacional son unha clara aposta por darlle ao público galego a posibilidade de acceder a contidos universais e por permitir que as máis peques das familias poidan gozar de grandes historias na súa lingua.
Precisamente nesta liña camiña o novo título dos italianos Giorgio Volpe e Paolo Proietti, que chegará ás librarías o vindeiro 5 de maio, e que continua a historia dos inseparables amigos Chío e Pelo Roibo, que volven xuntarse no bosque cando o pequeno leirón esperta da súa hibernación. Nesta nova aventura, e novamente na primavera, un novo amigo, que o raposo fixo mentres o leirón durmía, únese ás vivencias dos protagonistas de ‘Antes de durmir’.
Da historia encárgase Giorgio Volpe, e faino, nunca mellor dito, de fábula. Así, introdúcenos nun ambiente cheo de tenrura, onde valores como a amizade, o respecto a diversidade ou a diversión vencen a paixóns negativas como os celos. Por se isto fose pouco, as ilustracións de Paolo Proietti son, e non descubrimos nada, unha auténtica marabilla visual ao alcance duns poucos elixidos. Ninguén coma el para ilustrar unha primavera que veu para quedarse.
SINOPSE
Continuación da historia protagonizada por Chío e Pelo Roibo de "Antes de durmir" de gran éxito internacional abordando temas coma os celos, segredos e inclusión. Ao pequeno raposo non lle gusta o inverno porque o seu amigo o leirón hiberna e el queda só. Pero esta vez atópase cun teixugo, Bas e faise amigo del. Xuntos divírtense moito e, cando chega o momento en que Chío (o leirón) esperta, o raposo non sabe se presentar ao novo amigo ou esconderlle esta novidade.
O temor de que o leirón poida querer ao teixugo máis que a el fréao de revelarlle a verdade. Así trata de ocultalo dividíndose entre os dous amigos. Pero a maneira de comportase do pequeno raposo fai que Chío sospeite e pronto descobre a existencia de Bas. Os tres convértense en grandes amigos e dannos unha gran lección, no corazón de cada un de nós hai lugar para moitos amigos aos que querer.
'ANTES DE DURMIR'
Unha delicada historia que fala da amizade e a importancia e respecto pola diversidade. Especialmente durante a infancia, as amizades tenden a abarcar todo, pero a través dos dous doces protagonistas, os pequenos lectores aprenderán que cada amigo é diferente.
Coa chegada da primavera, as cores, o sol e a vida volven ao bosque. O pequeno raposo está moi nervioso por que sabe que é agora cando poderá gozar dos que mais desexa, a compañía do seu mellor amigo, un pequeno leirón que hiberna nos períodos de inverno. Ambos pasan o tempo e gozan do que a natureza lles ofrece neses momentos únicos como correr, revolcarse entre as follas e mesmo xogar ás agochadas. Pero hai algo no corazón do pequeno raposo que lle impide ser feliz, xa que a medida que pasan os días ve máis preto o próximo outono e inverno, momento no cal o seu mellor amigo retírase a durmir...
Preciosa e cálida historia acerca da amizade, a dependencia, a diversidade e o ánimo positivo nos momentos vividos por moi curtos que sexan.