Xosé María Álvarez Cáccamo

É profesor de Literatura, poeta e crítico literario. Ten publicado ademais obra narrativa e teatral e literatura infantil. É autor de poemas-obxecto e visuais. Como poeta recibiu o Premio «Esquío» (1986), o Premio da Asociación de Críticos de España (1987), o Premio da Crítica de Galiza (1998), o Premio «González Garcés» (1999), o Premio «Arume de Poesía para nenos» (2001), o Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega (2004) e o Premio «Irmandade do Libro» (2007). É autor dos seguintes libros de poemas: Praia das furnas (1983), Arquitecturas de cinza (1985), Os documentos da sombra (1986), Luminoso lugar de abatimento (1987), Cimo das idades tristes (1988), Fragmentos de mar (1989), O lume branco (1991), Colección de espellos (1994), A escrita das aves de marzo (1997), Calendario perpetuo (1997), Os cadernos da ira (1999), Vocabulario das orixes (2000), Depósito natural (2002), Vilar dos fillos (2004) e Vento de sal (2008). En Ancoradoiro. Obra poética (1983-2003), editado en 2003, recóllese a súa poesía publicada até o momento. Como narrador publicou os libros de relatos Microtopofanías (1992) e A luz dos desnortados (1996) e como autor teatral Monstro do meu labirinto (1987) e Casa dormida (1988). Memoria de poeta (2006) é un compendio autobiográfico. As súas colaboracións críticas (comentarios, artigos, prólogos, conferencias) están dedicadas fundamentalmente á poesía galega da segunda metade do século XX e foron recollidas no libro Espazos do poema (2009).