Staffan Mörling

Herdou do seu avó materno un grande interese polos temas históricos e, da nai, unha notable sensibilidade cara aos idiomas. Mörling fixo a súa carreira académica na Universidade de Lund, na que se licenciou en Latín, Historia da Arte e Antropoloxía. Como antropólogo, documentou as embarcacións tradicionais de Galicia (1989), tema que seguiu desenvolvendo en Lanchas and dornas; cultural stability and boatshape on the west coast of Galicia (1999).

En colaboración coa súa muller, Xosefa Otero, aplicou as teorías da nova etnoloxía, de orixe danesa, ao amplo material antropolóxico recollido polos dous na illa de Ons. Alá, no medio do mar. A comunidade da illa de Ons (2013).

En recoñecemento dos seus méritos como profesor de Idiomas da Escola Naval Militar, Mörling foi galardoado coa Cruz do Mérito Naval. O Concello de Bueu nomeou a Mörling Fillo Adoptivo e deulle o nome de Staffan Mörling a unha das rúas da vila.