Manuel Forcadela

(Tomiño 1958) pertence á xeración de escritores que se dan a coñecer en Galicia coa chegada da década dos 80. O seu interese polo literario ten dado froitos en moi distintos xéneros. Como poeta cabe citar os seus libros Ferida acústica de río (Premio Celso Emilio Ferreiro, 1980), O regreso das ninfas (1985), O varredor en outono (Premio Leliadoura, 1987), Profecía (1992), Morte do fadista (Premio Espiral Maior, 2000), Refutación da musa (Premio da Aula de poesía de Barcelona e Premio da Asociación Española de Críticos Literarios, 2001) e Lámpada e medusa (Premio Esquío, 2002). Como narrador é autor da serie de novelas policíacas protagonizadas por Toni Barreiro que inclúe a presente Sangue sobre a neve (1990), Barato, barato (1991), Fóra de xogo (1993) e A procura do falso grial (2005). Ademais, tamén como narrador, é autor das novelas Paisaxe con muller e barco (Premio Manuel García Barros, 1992), A equipaxe do azar (1994) e A armada invencible (1996). Ten publicado numerosos estudos e ensaios literarios, tanto en revistas espe-cializadas como en libro, entre os que cabe salientar: A harpa e a terra (Unha visión da poesía lírica de Eduardo Pondal) (1988), Manual e escolma da Nova Narrativa Galega (1993), A poesía de Eduardo Pondal (1993), Diálogos na néboa: Álvaro Cunqueiro e Ramón Piñeiro na xénese da literatura galega de posguerra, (Premio Ramón Piñeiro de Ensaio e Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega, 2005), entre moitos outros. Tamén é autor dos vídeo-documentais: A vida sexual das gaivotas (2005), María Mariño: a flor das raparigas en sombra (2007) e Cólera (2007).