Julio Vázquez Carril

Nace o 1 de outubro de 1936 en San Miguel, Maroxo, Arzúa. Medrou nun entorno de gaiteriros, tanto na familia, como na vida cotiá. Seu pai, Ramón Vázquez Pampín O Froilán, comproulle unha gaita sabedor da facilidade do rapaz para tocar gaitas de pan. Julio, como practicamente todos os gaiteiros arzuáns tradicionais, toca ao pechado (ou ao tapado) cunha dixitación moi conservada nas comarcas de Arzúa e Terra de Melide. Compartía moito tempo coa súa nai, Dolores Carril Mañá, de quen aprendeu moitas cántigas e coplas, e tamén o gusto e a sensiblilidade por cantar. Un mestre que lembra con cariño foi José de Rivadulla, o zoqueiro de Montelongo (Vilantime), que tocaba a gaita e o clarinete no quinteto Os Gaiteiros de Vilantime.