Chus Pato

Publicou os seguintes libros de poemas: Urania (Ourense, Calpurnia, 1991), Heloísa (A Coruña, Espiral Maior, 1994), Fascinio (Muros, Toxosoutos, 1995), Nínive (Vigo, Edicións Xerais, 1996), A ponte das poldras (Santiago de Compostela, Noitarenga, 1996; 2.ª ed.: Vigo, Galaxia, 2006), m-Talá (Vigo, Edicións Xerais, 2000), Charenton (Vigo, Edicións Xerais, 2003), Hordas de escritura (Vigo, Edicións Xerais, 2008) e Secesión (Vigo, Galaxia, 2009). Iris Cochón é autora dunha antoloxía da súa obra, con tradución da lingua galega orixinal ao español, Un Ganges de palabras (Málaga, Puerta del Mar, 2003). Xosé Manuel Trigo traduciu Heloísa tamén ao español (Madrid, Ediciones La Palma, 1998). Teresa Arijón e Bárbara Belloc traduciron igualmente ao español m-Talá (Buenos Aires, pato en la cara, 2009). A Erín Moure débense tres volumes con traducións ao inglés: From m-Talá (Vancouver, Nomados, 2003, selección do libro do ano 2000), Charenton (Exeter e Ottawa, Shearsman Books & BuschekBooks, 2007) e m-Talá (Exeter e Ottawa, Shearsman Books & BuschekBooks, 2009). A poesía de Chus Pato conta así mesmo con traducións ao portugués, ao serbio, ao polaco, ao alemán, ao italiano, ao árabe clásico e a outros idiomas e está incluída en prestixiosas antoloxías de ámbito nacional, estatal e internacional entre as que destacamos: Antoloxía consultada da poesía galega (1976-2000) (Lugo, Arturo Casas editor, Tris Tram, 2003), Pótwysep w wierszach (Warszawa, Wydawnictwo Ksiazkowe IBIS, 2006), New European poets (Saint Paul, Minesota, Wayne Miller and Kevin Prufer, Graywolf Press, 2008), Poeti spagnoli contemporanei (Alessandria, Emilio Coco, Edizioni dell´Orso, 2008), 20 canadian poets take on the world (Ontario, Edited and introduced by Priscila Uppal, Exile Editions, 2009) e To the winds our sails; Iris writers translate Galician poetry (Dublín, Salmon Poetry, Mary O´Donell e Manuela Palacios, 2010). Nínive foi galardoado co premio Losada Diéguez e por Hordas de escritura recibiu o premio nacional da crítica e de novo o Losada Diéguez.