Venres nas librarías

Venres nas librarías é un novo programa de dinamización do libro galego, posto en marcha pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, xunto coa Federación de Librarías de Galicia e a Asociación Galega de Editores.

Trátase dunha proposta de actividades programadas para o outono coas que promover o encontro dos lectores e lectoras cos novos títulos do mercado editorial galego e os seus autores e autoras no espazo das librarías.

Unha oportunidade para achegarse ás novas obras da literatura actual nun espazo de referencia para o libro galego.

QUE LIBROS?

As actividades teñen como protagonistas títulos galegos publicados ao longo do último ano.
A Asociación Galega de Editores difunde a campaña entre os seus asociados, encargados de elaborar unha proposta de libros, de acordo co interese e dispoñibilidade dos autores e autoras.

ONDE?
Nas librarías de calquera parte do territorio galego interesadas en participar nesta primeira edición do programa, asociadas á Federación de Librarías de Galicia.

CANDO?
Aos venres, durante os meses de outubro e novembro.