O filólogo Paco Rivas afonda no léxico da Mariña

Baixo a editorial O Cumio, primeiro saía á luz no 2015 De punta a chicote e agora, neste 2016, Entre o abalo e a zaranda. Así pecha, con dous tomos, o fraseolóxico e o léxico respectivamente, o Dicionario do Mar o autor focense e filólogo Paco Rivas. Na última publicación, semellante á anterior, son 3.500 as entradas. Aparecen verbas como «chícaro», que practicamente só se utiliza en Foz e é un dos nomes galegos que recibe o berberecho; «marmitón» que é o cociñeiro dun barco e que tamén din mariñeiros portugueses, ou «grade» que, segundo explica Rivas, «no castelán é a estrela de mar ou, segundo a normativa da Real Academia Galega, é a estrelamar. Nas Rías Baixas tamén se di gradicela. Esa verba é unha gran recuperación». Outros dos termos que aparecen en Entre o abalo e a zaranda son, por exemplo, «andarivel» que é un cabo que se coloca nunha embarcación a modo de pasamán; «champrel», o ramal de nailon que se utiliza nos palangres e que leva na punta o amocelo ou «pariñeira», é unha especie de cantil. «Tamén aquí na Mariña -sinala o autor- se di, en vez de nécora, carambela ou andarica».

Son algúns dos exemplos que figuran no segundo e último tomo do Dicionario do Mar, froito dun fondo traballo de investigación filolóxica coa peculiaridade de que as fontes de consulta foron, para Rivas, xente do mar, «basicamente mariñá, de Foz, Nois, Cangas, Burela, algo de San Cibrao, Ribadeo e Viveiro». Aínda que Entre o abalo e a zaranda contempla «moito léxico común co resto de Galicia, incluso co resto de España e Portugal, da Mariña -subliña- non había nada recollido». Nos anos 90 xa publicara Expresións e ditos populares da área mindoniense, no 2000 Fraseoloxía do mar na Mariña luguesa (o caderno número un de fraseoloxía galega do Centro Ramón Piñeiro) e en 2005 o Dicionario Fraseolóxico do Mar (A Nosa Terra), antes de abordar o Dicionario do Mar.

Os dous tomos que o comprenden non amosan, sen embargo, as anécdotas que Paco Rivas viviu cos mariñeiros que lle facilitaron, dende as súas chabolas e tantas tardes botando a partida, as frases e verbas que utilizaban na súa profesión mariñeira. Recoñece o autor que esa riqueza lingüística estase a perder: «Xa está perdida parte. Un mariñeiro de 70 anos que entra nun bar aínda di ?facede muelle? pero un novo diría ?¡apártate!?». «A riqueza da linguaxe está sempre na lingua popular -finaliza Rivas-. A fala mariñá, é dicir, como falan os de aquí, da Mariña, vai en función do que fan, por iso se vai perder, porque hoxe xa non se fan as cousas coma antes. Cando non sexa necesario remar, non fará falla saber que é o tolete, o estrobo ou remar á fingla, remar cun remo só para moverse dentro do porto».