De punta a chicote e Entre o abalo e a zaranda. O léxico da costa norte

Hai poucos días presentáronse en Santiago os libros de Paco Rivas De punta a chicote. Así falan os mariñaos (prólogo e mostra) e Entre o abalo e a zaranda. Dicionario léxico do mar. A presentación contou coa presenza do autor, de Cándido Meixide e Francisco Fernández Rei, prologuista de ambos libros.

Rivas, natural de Cervo, filólogo, profesor e residente en Nois ofrécenos dous pequenos tesouros. De punta a chicote publicado en 2015 é un dicionario de fraseoloxía con 3500 entradas que recolle locucións, ditos, refráns e outras combinacións frecuentes dos mariñeiros de Foz e da Mariña lucense. O segundo libro, Entre o abalo e a zaranda, publicado neste ano, contén o vocabulario das entradas dese dicionario de fraseoloxía coas diversas acepcións, xunto con voces que aparecen nas definicións e outros termos propios do galego mariñao.

Antes destes libros Paco Rivas xa publicara o Dicionario fraseolóxico do mar en 2011 e previamente Fraseoloxía da Mariña e Fraseoloxía do mar na Mariña luguesa.

Estes son os libros que hai que consultar se se quere saber que son chícaro, grade, escabezada, fola, ló, xarapelo, toliñal, ou para saber que significa ver o fondo en corenta brazas, ir para o tiempo, ou largar ao aparato, termos propios da costa norte, ainda que tamén aparecen moitas entradas comúns a outras zonas do noso litoral.

O mar da costa norte é un pouco un descoñecido para a maioría da xente. As rías, a Costa da morte son lugares que aparecen constantemente nos medios ou son protagonistas de obras literarias ou audiovisuais, pero non pasa así co mar de Ortegal para leste. Estes dous libros son unha oportunidade de coñecer a enorme riqueza léxica deste mar.